venres, 13 de maio de 2016

SAN MARTIÑO



A MATANZA DO PORCO





Unha actividade inseparable da data do San Martiño (11 de Novembro) e das tradicións de comezo do inverno celta, é a matanza do porco, mesmo de grande importancia económica para as familias, polo menos antigamente.

O porco mátase sobre un banco ou similar, suxeitándoo polas pernas namentras o matachín (que pode matar nun mesmo San Martiño máis dunha ducia de porcos en diversas casas) fai o seu cruento traballo. Este é o traballo dos homes.

As mulleres encárganse de recoller o sangue, e de ao ir remexendo para que non calle, e que se ha comer en forma de filloas de sangue ou mesturado con faragullas de pan pasado pola tixola, ou en forma de morcilla. O matachín cando remata fai unha cruz no sangue co seu coitelo.

O seguinte paso consiste ou ben en chamuscar o porco ou escaldalo. Ao tempo se lle arrincas as pezuñas.

O matachín despois raña ben co coitelo toda a pel do animal, para a deixar limpiña, xunto coas orellas, ollos, pes, etc.

O traballo máis complexo é abrir o animal en canle, que se fai no propio banco ou enriba dunha mesa. Sácanselle o unto, as tripas, e todos os interiores, cos que se farán os diversos alimentos, e que van sendo organizados polas mulleres enriba dunha segunda mesa.

Despois cólgase o porco aberto. Ao día seguinte prepáranse para salgadoiro outras partes: raxos, aranguelo, pás, touciño, xamóns, lacóns, cachucha... Aínda que segundo as casas, poden deixar cousas para comer frescas, como o raxo, e mais facer os roxóns.

Se non hai necesidade de que quede todo o produto do porco na mesma casa, as partes que se lles reparten aos veciños que non fan matanza chámanas probas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario